jueves, 7 de febrero de 2008

Consellos dun Paiaso de Asalto: O Caylus

“Xogamos ao Caylus... pero se gañas ti non vale”

Tras esta frase célebre por parte da proxenie, e vendo o descoñecemento do xogo por parte da Planta, decídome a facer unha pequena guía sobre este gran xogo de xestión de recursos e ENFRENTAMENTO. Sen dúbida é un xogo complexo, non na dinámica pero si na estratexia a seguir, con moitos puntos aos que prestar atención. Para tratar de dar unhas recomendacións persoais (lembrade que son un principiante) de maneira ordenada, seguirei a mesma orde do xogo.

FASE 1: DIÑEIRO: Todo o mundo cobra 2 moedas como mínimo. O diñeiro no xogo vai ser fundamental, e esas dúas moedas non serán suficientes, así que, primeiras leis para dar guerra:
- Non te quedes nunca sen diñeiro. Sempre que poidas consegue ingresos extra, empregar un traballador cada turno para obter diñeiro non é unha perda de recursos. Deberías comezar o teu turno con suficientes moedas para situar todos os traballadores que desexes e sobornar ao Preboste.
- Controla o diñeiro dos demais. Sabendo o diñeiro do que dispoñen podes saber o cando van pasar e se van a mover o Preboste.

Se podes, constrúe edificios residenciais, darante moedas extra cada turno e ademais é o único lugar onde podes construír edificios de prestixio (azuis). Sitúaos sobre o edificio que máis te conveña (se tes unha canteira, elimina a canteira neutral para que empreguen o teu edificio).
Ademais, se temos diñeiro poderemos empregar os favores reais para algo máis produtivo.

FASE 2: COLOCACIÓN DE TRABALLADORES: Dependendo do que desexes ou poidas facer, haberá que elixir os edificios que empregar. Este xogo o gaña o que máis puntos ten, así que o máis importante é obter puntos, se vas dar un punto a un rival (empregando un dos seus edificios) que sexa porque ti vas conseguir máis. Á hora de colocar un traballador hai que ter en conta:
- Onde vai acabar o Preboste: podes perder un turno completo se o Preboste inhabilita os teus edificios.
- Os edificios actívanse en orde: norma para principiantes, pero é moi importante, non contes con recursos que non vaias ter antes de activar un edificio.
- Os recursos sempre son importantes: se gastas unha moeda para conseguir un recurso, aínda que non o empregues agora, sempre está ben gastada. O ouro é moi valioso. A comida e a roupa teñen importancia especial, mentres que a pedra e a madeira son equivalentes salvo para construír edificios.
- Se podes, consegue diñeiro. Ver máis arriba.
- Ser último non mola. Hai que pelexarse por ser un dos primeiros xogadores nos seguintes turnos, para así coller os mellores edificios, os máis protexidos ou o primeiro construtor do castelo.

A porta é unha casiña importante para asegurarse o último posto na construción do castelo ou analizar os riscos de colocar un traballador moi preto do Preboste.
Ser o último en colocar un traballador fará que sexas o último en mover o Preboste, polo que só empregarás o diñeiro que sexa necesario para os teus intereses.

FASE 3: PREBOSTE: En realidade a fase 3 é a ACTIVACIÓN DE EDIFICIOS, nesta fase, a parte máis táctica será o movemento do Preboste, tanto de maneira gratuíta como polos sobornos. Non somos irmás da caridade, somos competidores, polo que o Preboste está para movelo CARA ATRÁS, salvo que ti sexas a vítima. Ademais, lembrade a lei do diñeiro, unha forma de facer perder diñeiro a alguén é a través do Preboste. Este é o momento de pactos rápidos estilo “movemos todos para atrás para fodelo”.

¿QUE EDIFICIOS CONSTRUÍR? Cada partida é diferente e os edificios que máis rendibilidade nos produzan dependerán de cada situación. Ademais, os edificios están ponderados e os que máis se soen empregar dan menos puntos no momento da súa construción. Aínda así podo destacar tres edificios polos que a xente soe emprender unha carreira aloucada: os tres edificios de produción de recursos de pedra (estes edificios dan 3 recursos para o que o usa e 1 para o dono se non é o que o emprega).
Por último, os edificios de prestixio dan moitos puntos e poden ser o golpe final para gañar a partida. Vanse construír sempre cara o final do xogo, pois é cando hai ouro dispoñible, edificios residenciais e o arquitecto. Algúns dan menos puntos pero proporcionan un ou dous favores reais, que poden ser moi interesantes.

FASE 4: CONSTRUCIÓN DO CASTELO: O fin último do xogo é construír o castelo para o rei. O castelo está dividido en tres seccións, e, aínda que a dinámica do xogo sexa sempre a mesma, o xogo hai que preparalo e pensalo nesas tres seccións.
Cando construímos unha sección, por exemplo a primeira, as mazmorras, temos que marcarnos un obxectivo, construír polo menos 1 parte para non perder turnos, e 2 para obter o favor real que está en xogo. Construír máis de 2 partes nesta primeira sección pode parecer moi rendible, pois obtemos 5 puntos de cada vez, pero é unha perda de recursos para a 2ª sección.
Hai que estar moi atentos ao momento no que se vai puntuar cada sección (cando o Alguacil chegue a casiña marcada ou cando se encha a sección), pois podemos despistarnos e non colocar o traballador, ou colocalo moi tarde, e ser incapaces de construír nesa sección, perdendo puntos.
Cando construímos partes dunha sección, ao final de cada turno, hai que tentar levarse o favor real por tódolos medios, construíndo o MÍNIMO no castelo para facelo, salvo que previsiblemente sexa o último turno de construción nesa sección. Se podo construír unha ou dúas partes e levarme o favor real, é moito mellor construír unha, pois os recursos non os perdo e no seguinte turno podo volver a construír, loitando por un novo favor real e, tal vez, obrigando a un contrincante a construír máis do que desexa.
As veces é mellor ser o primeiro en construír no castelo, sobre todo se tes poucos recursos ou se é o final dunha sección. Outras é mellor ser o último, cando tes moitos recursos obrigas aos outros xogadores con traballadores no castelo a gastar o que poidan para logo superalos pola mínima (lol! Que futboleiro)

FAVORES REAIS: O rei premiará os nosos progresos con favores reais, dos que obteremos importantes vantaxes. Ter contento ao rei sempre foi boa política...
- Puntos: é o emprego máis directo dos favores reais, se ben ao principio pode parecer pouco valioso, o que gaste 5 favores nesta liña terá acumulados 15 puntos de prestixio (vitoria).
- Diñeiro: sen dúbida unha boa forma de ter a economía saneada e as nosas arcas cheas.
- Recursos: podemos obter recursos gratis, aínda que ao principio pareza pouco rendible, un recurso do tipo que desexemos pode supor a diferenza. Tamén podemos obter ouro, moi valioso.
- Construción: poderemos construír edificios sen necesidade de situar aos traballadores no edificio correspondente. Moi útil se nos atopamos na carreira inicial polos edificios de produción de pedra.

Na mesma fase non se poden escoller tipos de favores repetidos, polo que ter varios tipos nun nivel alto pode ser importante en momentos de puntuar seccións do castelo. Por exemplo, se gañamos dous favores reais, tal vez poderamos empregar o primeiro para obter o recurso que precisamos e o segundo para construír o edificio desexado. Ao final das partidas igualadas, os favores reais procedentes da construción das murallas (última sección) soen decidir ao gañador.

Ben, ía ser unha guía cortiña, con uns pequenos consellos, pero medrou bastante, e seguro que me deixo un montón de cousas por comentar. O mellor para aprender é xogar, pero creo que partidas de 3 e 4 xogadores, onde fanse moitas máis cousas e séguense mellor as estratexias e tácticas de cada xogador. Xa dixemos que é un xogo de dinámica sinxela pero cun fondo bastante complexo. Sen parecerse excesivamente, pero sendo xogos de xestión de recursos e construción, a comparación co Puerto Rico as veces é inevitable, dicir que no Caylus o enfrontamento é moito máis directo e en cada quenda hai que loitar polos edificios que máis interesen; no Puerto Rico hai certo sentimento de autocontrol ou independencia, que é falso, pero que fai que sexa un xogo de sensacións pouco estresantes.


Obviamente, todo isto é falso, pretendo que sigades consellos falsos para gañar con facilidade...

2 comentarios:

Planta en un tiesto dijo...

Muy buena guía. Me retracto de mi anterior comentario donde afirmaba que en este juego no hay estrategia.
Lo cierto es que este juego lo tengo un poco atravesado. Más o menos puedo encontrar formas de jugar a todos los juegos, ver lo que funciona y lo que no, encontrar "puntos oscuros" en la mecanica de juego... pero no con el caylus. De hecho aunque solo he jugado un par de veces (literalmente: dos) acabe bastante estresado en ambas, pensando 5 minutos donde colocar las piezas y gastando recursos inutilmente. Espero que esta guía me sirva para mejorar algo, porque a día de hoy derrota segura.

Paiaso de Asalto dijo...

Sen dúbida unha partida de poucos xogadores, incluso 2, podería facerche cambiar a perspectiva. Pero como sempre xogamos 5, hai que seleccionar moito as accións que imos realizar en cada momento, pois hai moita competencia polos edificios.
Forma de xogar hainas, por iso nas miñas 10-12 partidas no BSW sempre remataron cos meus rivais bastante por diante miña, por moi centrado que eu estivese. Eso si, resultan bastante oscuras, porque tal vez os fallos saen a relucir en turnos posteriores e non instantáneamente.